Os negocios que pasan de pais a fillos, protagonistas en Marín este 19 de marzo
Por Oskar Viéitez
O Concello, a través de Marín en Rede, quixo homenaxear polo Día do Pai, que se celebra este martes, a dous negocios locais que pasaron de pais a fillos. Son: Comercial Sarles e Pajarería Evaris, dous comercios locais que conseguiron preservar o seu legado.
Elisardo leva coa súa tenda aberta máis de 50 anos. Con ubicación no número 49 da rúa Jaime Janer, Comercial Sarles é un comercio adicado á venda de materiais de construción, baños, azulexos, pavimentos, loza sanitaria...
Despois de tanto tempo á fronte e atendendo da mellor das maneiras aos marinenses e visitantes que consumían no seu establecemento, Elisardo deu un paso a un lado e legou o seu proxecto profesional á súa filla, Victoria, á que este luns a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, lle entregou a imaxe da campaña de recordo.
No caso da Pajarería Evaris, Jose Manuel, pai, conseguiu que Jose Manuel, fillo, se sumase ao seu establecemento, que leva máis de 40 anos ofrecendo confianza e excelencia aos seus clientes.
Evaris sitúase en Secundino Lorenzo, 29, xunto á Praza de Abastos, e teñen todo o que se precisa para as nosas mascotas: alimentación, complementos hixiénico-sanitarios, accesorios...
O Concello de Marín destaca que "Evaris e Sarles, dous exemplos de que non hai nada mellor para celebrar o Día do Pai que amor e comercio local!"