Bueu recibirá medio millón de euros da Deputación para financiar obras de saneamento e mobilidade
Por Redacción
O presidente da Deputación, Luis López, adiantou ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, un apoio de 460.000 euros para a ampliación da rede de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo e outra axuda de 80.000 euros para a pavimentación do camiño IVBE-111 en Beluso.
Estas axudas serán aprobadas este venres na Xunta de Goberno Provincial.
Nunha reunión de traballo mantida este xoves no despacho presidencial entre ambos os dous dirixentes, o presidente repasou os investimentos que o organismo provincial ten previstos para este ano neste concello, que superan o millón de euros e supoñen un incremento de 150.000 con respecto á achega do ano anterior.
A Deputación colabora co Concello de Bueu a través de programas como o +Provincia. Con respecto á liña 1 de investimentos deste programa, a Deputación ten reservados 652.000 euros, para a liña 2 de gasto corrente, 77.300 euros; para a liña 3, de apoio ao emprego, 178.900 euros e na novidosa liña 4 de redacción de proxectos transformadores, 23.300 euros.
Ademais das subvencións que se aprobarán este venres, o Concello de Bueu conta xa coa aprobación dos fondos da liña de emprego, cos que contratará a 13 persoas.
Por outro lado, o apoio da Deputación co Concello de Bueu reflíctese tamén na achega de 66.500 euros para o Servizo de Axuda no Fogar ou os 12.800 euros da Axuda Básica de Emerxencia.
Nunha reunión marcada por un clima de cordialidade e vontade de entendemento, ambos os dous mandatarios repasaron asuntos de interese mutuo e outras proxectos de futuro no que ambas institucións poderían colaborar.
É o caso da tramitación da axuda correspondente ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a través do cal Bueu percibirá 80.000 euros.