Un ciclo de visitas dará a coñecer os tres proxectos pontevedreses premiados co Gran de Area 2023
Por Redacción
A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia Pontevedra organiza un ciclo de visitas ás obras distinguidas nos Premios Gran de Area 2023 na área de Pontevedra: unha vivenda unifamiliar en Montalvo (Sanxenxo), de Rodríguez + Pintos; a reestruturación dunha vivenda unifamiliar en Pontevedra, de Luis Gil Pita; e a recuperación patrimonial e paisaxística dos baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, de Cristina García Fontán.
Os autores destas obras ofrecerán as súas explicacións e unha visita guiada sinalando os pormenores de cada proxecto.
Así, o 11 de maio visitarase unha vivenda unifamiliar en Sanxenxo (Lugar de Arra, Sabugueira), de Rodríguez + Pintos. Premiouse a calidade do proxecto de vivenda, tanto nos espazos proxectados como nos materiais e técnicas utilizadas. É unha proposta de deseño contemporáneo que á súa vez é un exercicio de bioconstrución e eficiencia enerxética. O resultado é un fogar eficiente, sereno e belo, relacionado co seu contorno inmediato.
O 27 de maio poderase coñecer a reestruturación dunha vivenda unifamiliar en Pontevedra (rúa Formigueira, 4), de Luis Gil Pita. Premiouse a reinterpretación dunha vivenda tradicional que se transforma en algo novo e diferente sen afectar ao volume orixinal, o emprego de sistemas construtivos tradicionais en madeira adaptados ás técnicas actuais que logra unha proposta interior contemporánea organizada ao redor dunha “árbore” de aceiro, sendo á vez estrutura e escultura.
E o 8 de xuño visitarase a recuperación patrimonial e paisaxística dos baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, de Cristina García Fontán. Premiouse esta rehabilitación patrimonial e paisaxística que recupera un aproveitamento termal existente e impleméntase cun balneario, polo seu marcado carácter social e ecolóxico, exemplo de sustentabilidade, participación e colaboración de institucións públicas e privadas. Está resolto de maneira maxistral, poñendo en valor un entorno de gran beleza e recuperando a memoria do lugar para os veciños.
A inscrición xa está aberta na web do Colexio para asistir á primeira visita deste sábado, 11 de maio. A visita comezará ás 11:00 horas e, posteriormente, celebrarase unha charla-coloquio cos autores do proxecto.
Disporase dun autobús, do que poderán facer uso todas as persoas interesadas en asistir á visita, que sairá ás 10:30 horas da Praza de Galicia en Pontevedra (enfronte ao NAKASA), tendo previsto o seu regreso ás 14:30 horas.
Para unha mellor organización, é preciso inscribirse na actividade, así como reservar praza no autobús, antes das 14:00 horas do día 8 de maio, a través deste FORMULARIO.
Relacionadas:
-
A pontevedresa Teresa Sánchez Táboas, recoñecida entre os mellores arquitectos emerxentes de Europa
Por María José Pita |
-
Desde abril ata final de ano, a obra de Antonio Palacios resplandecerá no Museo
Por Redacción |
-
A Deputación adxudicará este venres a Nieto Sobejano o proxecto e dirección de obra da rehabilitación de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma do Pazo da Buzaca en Moraña recibe o Prix Versailles 2023
Por Redacción |
-
Obras de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Sanxenxo nos premios Gran de Area 2023
Por Oskar Viéitez |