Lectura continuada de 'A República dos Sonhos' en homenaxe a Nélida Piñón
Por Redacción
A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, participou na lectura continuada e simultánea con Río de Xaneiro do libro "A República dos Sonhos" en homenaxe á súa autora a escritora galaico-brasileira con profundas raíces en Cotobade, Nélida Piñón, da que se cumpre o 3 de maio o 87º aniversario do seu nacemento.
Esta iniciativa está promovida pola Asociación Galega da Lingua en colaboración coa Academia Brasileira das Letras.
O acto comezou con Lino Piñón, primo de Nélida Piñón; logo seguiulle Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Jon Amil, presidente de AGAL (Asociación Galega da Lingua); Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobadel; ou Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura.
Tamén participou Carmen Vilariño, investigadora sobre a obra de Nélida Piñón para continuar despois coa lectura representantes do alumnado de Cerdedo-Cotobade, artistas ou intelectuais, ata completar o elenco Darío Villanueva, ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela e amigo de Nélida Piñón, que pechou a lectura pública.
O alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción por ter participado tanto el como a veciñanza de Cerdedo-Cotobade nesta homenaxe internacional que "vén a unir a toda a Galicia Universal na persoa de Nélida Piñón, unha escritora que sempre tivo os pes na terra e o corazón na nosa Galicia".
"A ausencia de Nélida deixa un baleiro importante, pero tamén é certo que todo o seu legado énchenos de orgullo polo que merece ser recoñecida e lembrada para sempre por nós e o mundo da cultura galega como unha auténtica mediadora e tendedora de pontes entre a Galicia do exterior e a Galicia territorial, entre os galegos de alén do mar e os de aquí, en definitiva foi unha auténtica creadora da Galicia Universal, un exemplo a seguir e unha muller que, sen dúbida, marcou unha época e unha tendencia", indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.
Nélida Piñón faleceu o 17 de decembro de 2022 en Lisboa e mantiña fortes vencellos con Galicia, sobre todo con Borela, terra do seus avós, e lugar de evocación da súa infancia. A Casa da Cultura desta parroquia leva o seu nome ao igual que un premio de narrativa que promove o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Xornalista de formación, Nélida Piñón atesoura infinidade de recoñecementos e premios como o Príncipe de Asturias das Letras, o Juan Rulfo ou o Menéndez Pelayo. Tamén presidiu a Academia Brasileira das Letras e foi académica de honra das Letras Galegas.