Club Ciclista Samieira, o nacemento dunha entidade apegada á historia
Por Redacción
A Casa do Pobo de Samieira foi escenario o sábado 27 de xaneiro da presentación dunha nova entidade deportiva, o Club Ciclista Samieira.
Un club que nace coa intención de continuar o legado iniciado na década dos 90 por veciños da localidade, especialmente no que se refire ao ciclismo de montaña.
A presentación contou coa participación do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, vinculado precisamente aos primeiros anos do ciclismo de montaña en Samieira.
Ademais realizouse unha homenaxe a Jose María Alonso, "esa persoa que nos aprendeu a maioria de nós a como se tiña que andar na bicicleta", sinalaron desde o recentemente creado club.
A entidade ademais involucrarase desde o principio na organización de probas deportivas, e xa ten unha data marcada en vermello no calendario da tempada 2024, xa que o próximo 27 de abril organizará o primeiro XCO Samieira e que estará incluído na Copa Galicia de Cros Country Olímpico.