Máis de 200 ciclistas celebrarán a volta do BTT a Samieira
Por Redacción
Samieira recupera este sábado 27 de abril unha proba histórica dentro do BTT galego coa celebración dunha cita puntuable para a Copa Galicia XCO.
Baixo a organización do renacido Club Ciclista Samieira, a xornada ciclista espera contar con máis de 200 deportistas.
"Xa antes de que houbera competición federada en Galicia, en Samieira xa se disputaba esta proba", lembrou na presentación do evento Nacho Uhía, presidente do Club Ciclista Samieira.
Esta competición regresa ao calendario tras varios anos de ausencia e con moita historia ás súas costas, xa que orixinariamente comezou a celebrarse no ano 1992.
"Todo o mundo do ciclismo pode volver a disfrutar do ciclismo de montaña e de Samieira", explicou satisfeito Uhía.
Pola súa banda o alcalde, Ángel Moldes, felicitou o club organizador "por recuperar unha proba tan importante para Samieira e para todo o concello, unha proba única, con características moi singulares e nun entorno inmellorable".
Trátase da terceira cita puntuable da Copa Galicia de Cros Country Olímpico (XCO), que arrincará a partir das 15.30 horas da tarde con carreiras masculinas e femininas de diferentes categorías, desde a infantil ata a idade máster.