Andrés Núñez Rajoy
Traballadores altamente cualificados. Non se consola quen non quere
Faime falta, en momentos como os que estamos vivindo, cambiar de aires. Tanta incerteza sobre o que pasa no mundo. Tanta guerra transmitida como se fora un partido de fútbol de máxima rivalidade. Tanto seareiro. Tanto maniqueísmo acaban facéndome sésegas nos pensamentos como se os apertase cunha goma.
Cada vez que chego a este estado dáseme por mirar estudos ou publicacións, máis ou menos complexos, sobre economía. Desta vez déuseme por coller o "Eurostat regional yearbook 2023 edition". É interesante miralo, e lelo, xa que é moi ilustrativo das rexións europeas (na clasificación Nut II). Ao longo de 215 páxinas, e tamén as bases de datos, describe o estado das rexións europeas en cousas como a saúde, a poboación, a educación, o mercado do traballo, a sociedade dixital, o medio ambiente e outros apartados que definen como somos. Pódese ver en: https://ec.europa.eu/eurostat/en/web/products-eurostat-news/w/ddn-20231004-1
Unha vez que o repasei fun mirar a internet para saber que puxeran ao respecto os grandes medio de comunicación. A verdade que pouco. Pero o máis salientable e que case todos coincidiron nunha parte que a min non se me pasara pola cabeza: "que rexións europeas contan co maior número de traballadores cualificados?". Penso que, ao ser de Madrid todos eses medios, querían resaltar que a CCAA de Madrid estaba un pouco por riba da media europea, e o resto das comunidades onde vivimos os mortais estamos por debaixo.
Empregados cualificados
% de xente empregada entre os 25-64 anos. Fonte: EUROSTAT
Primeiro ver como definen "traballador altamente cualificado" que non é outra cousa que persoas entre 25 e 64 anos empregadas nas seguintes ocupacións: directivos, profesionais, técnicos e profesionais asociados. As rexións con proporcións máis altas acádanse en Estocolmo (Suecia) co 73,6%, a rexión de Utrecht (Nederland) co 68,9%, Luxemburgo co 67,4% e a provincia de Brabant Wallon (Bélxica) co 65,8. Nun arco que se move entre 62,2% e o 65,6% sitúanse as rexións arredor das capitais de Bélxica 65,6%, Dinamarca 65,6%, Chequia 65,6%, Países Baixos 65,2%, Polonia 64,8%, Alemaña 64,5%, Hungría 64,4%, Finlandia 64,4%, Lituania 63,1% e Francia 62,8%. Como vemos o efecto capital e a concentración do poder político e económico vense reflectidos nos datos. Sorprenden os datos no Lazio italiano (o mellor dato de Italia), onde esta Roma, cun 40,5% máis cativo que a rexión grega de Atiki onde está Atenas cun 41,8%. Pola contra están as rexións por debaixo do 30% que sitúan dez en Grecia, seis en Rumanía, catro en Bulgaria, tres en España (Extremadura 28,8%, Castela-A Mancha 28,4% e Murcia 28,1%) e unha en Croacia.
Que pasa aquí?
Os datos son os seguintes:
O máis salientable, á vista dos datos é que non son bos. Claro que mirando a prensa da vila e corte parece que eles son uns campións, mais só están 2,3 puntos por riba da media da UE, é dicir que o efecto de "capital" do Reino non se ve nestes datos e está moi lonxe de Copenhague, Varsovia, Praga ou Vilnius por poñer algúns exemplo. Son moitos os esforzos que fai a CA de Madrid para que as empresas cambien a súa residencia a Madrid, pero polos datos vemos as empresas cambian o seu domicilio fiscal polas vantaxes fiscais que ofrecen, mesmo a chegar a ser un paraíso fiscal, porén non se ve nos datos. A media de España é un 33,9%, que se achega moito ao 29,5% que a UE considera porcentaxes moi baixos. En Galicia atopámonos nun 33,1 que sería preto da media española mais lonxe da media europea.
Un estudo feito polo sindicato UXT ( https://servicioestudiosugt.com/ ) demóstranos que España vai moi por diante da media europea en postos de baixa cualificación. O estudo di que o 53,5% da poboación ocupada dedícase a actividades que requiren un grao de cualificación baixo ou medio. Temos o traballo centrado no sector terciario que é o sector servizos, nomeadamente na hostalería, comercio e ventas.
Si a todo isto lle xuntamos o envellecemento da poboación e o despoboamento aceptamos como normais os datos de EUROSTAT. En Europa decatáronse deste problema e en xaneiro deste ano sacou en xaneiro deste ano un "Mecanismo para o impulso do talento", baseado en oito pilares, para que esas rexións incrementen a porcentaxe de empregos cualificados (https://ec.europa.eu/regional_policy/whats-new/newsroom/17-01-2023-harnessing-talent-in-europe-a-new-boost-for-eu-regions_es ). Esta encadrado no Ano Europeo das Competencias. Hai que dar un pulo á reciclaxe, competencia e perfeccionamento persoal.
Seguín estes días os debates sobre o teito de gasto e os orzamento no Parlamento Galego. Non deixa de ser un "máis do mesmo", é dicir seguimos funcionando coma unha xestoría, adicándonos a xestionar os cartos que nos manda o Goberno de España e os impostos recadados pola Xunta. Non vexo ningún plan de emprego cualificado que é do que vai este artigo. Vense un orzamentos moi electoralistas con rebaixas de impostos aos máis ricos, co bono deportivo sen discriminación de renda (para que os podentes merquen chándales de marca). Non recuperan nin a tarxeta social nin a gratuidade dos libros escolares. É a mesma política continuísta de Feijóo. Como lle escoitei o outro día na cola da carnicería a dúas mulleres falando da situación actual de Galicia, onde lle dicía unha a outra que o actual presidente da Xunta é a "Rueda de repuesto", o coche anda na mesma marcha. No caso das cualificacións seguro que agardan que a ratio suba algo, ata acadar a media española, xa que se conseguiu ser sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Nunca entedín aos gobernos que se conforman cos "debe mellorar", deixando os "progresa adecuadamente" e os sobresalientes. Si os de Madrid presumen por ir un pouquiño por riba da media europea, nós tamén podemos presumir de estar case na media española. Non se consola quen non quere. Mentres as nosas mozas e mozos, ben preparados, teñen que marcha fóra para ter un traballo digno. En fin, país!.