Andrés Núñez Rajoy
Tempo de Nadal
Estamos xa no Nadal. Foise anunciando pouco a pouco nas nosas fiestras. Os bazares orientais fixeron moito para que tivéramos luces led que se viran por fóra da casa. Temos de todas as cores, de todos xeitos, fixas e intermitentes. Non fai falla ir ás cidades con sona de moitas luces do Nadal, entre as que poñen os concellos e as que poñemos nós o lucerío está garantido. Hoxe é o día de Nadal, ao saír da casa vemos os contedores de cor azul ateigados. Moitas cores, moitas caixas, son os restos do alborexar da rapazada e que os seus pais e nais baixaron ao lixo para ter máis espazo para brincar na casa ou no piso. As nenas e nenos madrugan, os nervios pola sorpresa non lles deixan durmir. Os seus desexos desta noite estaban encomendados a Santa Claus, a Papá Noel ou ao Apalpador, ou a todos, e aínda quedan os Reis Magos. Agora andarán rebulindo polas prazas da vila, ensinando, comparando e brincando cos seus agasallos. Escoito a algunha xente maior dicindo que agora a rapazada ten de todo. Claro que esa xente fala comparando coa súa nenez na que había moita necesidade, de todo, por desgraza. A min os Reis Magos, que era o que tíñamos daquela que non entráramos na época consumista e de importación de costumes , nunca superaron a pistola de estalos e unha caixa de Alpino de doce cores que se completaba cunha morea de castañas maias (secas) que miña avoa sempre se empeñaba en que as tivéramos. Eran outros tempos, mais aínda que teñan de todo, é emocionante ver cando abren as caixas, as súas caras de sorpresa e, tamén as súas queixas porque non lle trouxeron tal ou cal cousa, baño de realidade co que é a vida.
A carón do contedor azul teño o contedor verde que tamén está cheo, mesmo hai botellas polo chan. No amarelo vense unhas caixas de porespán coa etiqueta, aínda, da peixería onde se mercou o marisco. Foi noite de botar a casa pola fiestra. Noite de encontros cos que están lonxe. Noite de xuntar familia. Noite de bicos e apertas. E, tamén noite de aguantar a ese parente pesado que controla todo, que sempre os houbo nas ceas do Nadal, nas ceas de amigos ou nas de empresa. Agora os de Madrid acabaron poñéndolle o nome de "cuñado". Aínda así e todo é unha noite de ledicia para unha inmensa maioría. Todos sabemos dos problemas da xente no mundo. Das guerras, da fame, das inxustizas e, sobre todo das nenas e nenos que están pasándoo mal. Que saibamos de todo isto, que sexamos solidarios coa xente que sofre, que fagamos todo o posible para que esta situación cambie non quita que poidamos celebrar unha festa de cariño cara os nosos sen ter que arrepentirnos. Estas festas celebrámolas, maiormente, todos, crentes e non crentes, dunha cor ou doutra. Ao pasar as festas a realidade pegaranos unha boa trompada nos fociños para que espertemos.
Cando estaba reflexionando no bo das cousas do Nadal a realidade, outra vez, impúxose. Alfonso Rueda anuncia a convocatoria para eleccións autonómicas para o día 18 de febreiro, aínda que a convocatoria no DOG farase o día 26 de decembro (mañá). Nunca vou entender porque o afán desta xente en adiantar os comicios por comenencia do partido. É unha falsidade aos galegos e galegas aprobar os orzamentos e ao día seguinte dicir que vai haber eleccións en febreiro. O normal é que foran en maio, xunto ás eleccións ao Parlamento europeo e cando se formase goberno xa pasaría medio ano. Había que convocar estas eleccións? A resposta é sinxela: NON. Convócanse pola necesidade que ten Feijóo de gañar algo como presidente do PP antes das europeas e tamén porque se vai a entrar no debate da amnistía. Así que xa sabemos como se vai a desenvolver a campaña. Vai ser a campaña máis "madrileña" que se veu nunca en Galicia. Imos ter desembarcos de figuras importantes dos partidos españois. Vai facerse unha campaña onde se vai falar de todo menos de Galicia, a súa xente e os seus intereses. Falarase de Txapote, de Bildu, de Pamplona, de Puigdemont, da amnistía. Non se vai deixar falar do noso mar, do noso agro, da industria, das electrointensivas, dos eólicos, e de todo aquelo que sexa de interese para os galegos e as galegas, do seu benestar e dos eu futuro. Rueda sabe que nos está enganando cando di que as convocou el porque así o pensou, nunca vai recoñecer que é unha decisión tomada na rúa Génova con Feijóo ao fronte.
Outra das cousas que me fixo escapar do relaxamento do Nadal foi a actuación de montaraz e de faltón que tivo o concelleiro de Vox no concello de Madrid Ortega Smith guindándolle unha botella de auga, e dicíndolle "ahora , llora", ao tamén concelleiro de Más Madrid Eduardo Fernández Rubiño. O comportamento desta xente fascista é intolerable e non se pode consentir, e menos que vaia de matón pola vida, ten que dimitir, ou irse, de todos os posto públicos nos que está. Claro que aquí teríamos que pedirlle explicacións a Alberto Núñez Feijóo que cos pactos de PP con Vox conseguiu que se viran con forza, ás probas me remito como o que acaban de facer nas Baleares, en Castela e León, ou nos concellos nos que gobernan xuntos. Este personaxe ía ser un cargo importante no goberno de Feijóo no caso que este gañara acadara os apoios necesarios. Por sorte non foi así. Feijóo coma sempre da a calada por resposta, ou minte como esta facendo para pedir liberdade nos medio de comunicación cando leva máis de cinco anos secuestrando a TVG e a RG. Mentía aquí e segue a facelo en Madrid o que pasa é que aquí tiña á prensa escrita moi subvencionada para que non o sacaran mal e a TVG presa das súas decisións. En Madrid descubriu que non toda a prensa baila ao son da súa música. En fin, a ver si esperta e vai cara o centro dereita (ou será que sempre foron de extrema dereita?), xogámonos o futuro democrático de todas e todos.
Aínda así e todo volvo ás datas nas que estamos, desexando que todas e todos vós celebredes unhas boas festas, que desfrutedes das vosas compañías e familias e que o ano 2024 vos dea todo aquilo que pedides.