Cifra para a esperanza: "No 99% dos asmáticos severos temos un fármaco biolóxico para controlalo moi ben"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este martes 7 de maio conmemorábase o Día Mundial da Asma, unha enfermidade que afecta a ao redor do 10% da poboación adulta dos países occidentais e ata un 15% de poboación infantil. Con motivo desta efeméride, a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a través do seu Servizo de Pneumoloxía, organizaba a I Xornada de Concienciación da Asma Grave, coa participación de profesionais e pacientes.
A coordinación deste acto corría a cargo do xefe de Sección de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e responsable da Unidade de Asma, o doutor Adolfo Baloira.
O doutor Baloira explica que a asma é unha enfermidade que produce moita sintomatoloxía e dificultade respiratoria, con crises que aparecen de súpeto, de maneira impredicible. De feito, aínda na actualidade esas crises de asma poden ser causa de morte, pero, matiza o especialista do CHUP, "son evitables" grazas a que existen "excelentes tratamentos", entre eles, os fármacos biolóxicos.
"O primeiro tratamento biolóxico para a asma foi un medicamento que leva uns 15 ou 16 anos, que o que facía era bloquear a substancia que produce a alerxia. Nos últimos 5 anos, despois de moita investigación, empezamos a atopar novas vías celulares que estaban moi sobreexpresadas, por así dicilo, na asma e o que daba lugar aos síntomas. Agora temos cinco fármacos que xurdiron no últimos cinco anos e no 99% dos asmáticos severos temos algún fármaco biolóxico que podemos usar para controlalo, e ademais controlalo moi ben", sinala o xefe de Pneumoloxía, "sen practicamente ningún efecto secundario relevante".
Incide o facultativo en que "con estes fármacos conseguimos que non teñan que tomar ningún derivado da cortisona e os efectos secundarios severos desaparecen".
UNIDADE DE ASMA MULTIDISCIPLINAR
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) conta coa única Unidade de Asma multidisciplinar acreditada pola Consellería de Sanidade dentro da rede de hospitais públicos de Galicia. Leva en funcionamento catro anos e, na actualidade, ten en seguimento ao redor de 1.000 pacientes con asma grave. Deles, uns 100 enfermos está a tratamento con algún fármaco biolóxico.
Raquel Cimadevila (49 anos) é unha destas pacientes. Desde nena padece asma. "Estaba enganchada ao Ventolín", comenta ao referirse á angustia con que vivía na adolescencia ante a posibilidade de sufrir unha crise: "chegábanme a dar broncoespasmos". Pero chegou un momento en que os síntomas fóronse agudizando, ata que tivo unha crise moi forte, "unha situación moi angustiosa na que estiven un mes entre a cama e o sillón sen poder facer nada".
En 2007 comezou un novo tratamento biolóxico, asistida polo doutor Baloira, "que foi un antes e un despois". Agora pícase a medicación na súa casa e a súa calidade de vida mellorou en todos os sentidos. "Podo correr, podo saltar, podo ir á praia, que antes o po que desprendía a area afogábame... agora é coma se non tivese nada".
Esta pontevedresa é profesora en Soutomaior e entre as cousas "positivas" que lle achegou a súa enfermidade foi poder axudar a concienciar sobre esta doenza. É o caso que relata dun alumno que empezou con tose e afogo, levouno fóra da aula e estivo a respirar con el para que se relaxase e ao chamar aos pais para que o viñesen buscar comentoulles que podería ser un brote de asma, diagnóstico que finalmente se confirmou.
Un dos propósitos da Unidade de Asma é empoderar os pacientes a través do coñecemento da súa enfermidade. Antonio Nodar (75 anos) é un exemplo de tesón. Primeiro, para obter un diagnóstico, e, segundo, para convivir coa asma. "Hai que tentar coñecer a enfermidade, saber como é, en que casos aperta, en que casos afrouxa, e así empezas a entenderte, e esa cousa que non era o teu amigo, pasa a ser xa un coñecido", afirma.
Tamén para Antonio o tratamento biolóxico, que empezou a seguir hai menos dun ano, foi un "antes e un despois". Desde que foi diagnosticado no ano 2000, "tomábame medicinas para a asma e outros tratamentos para os efectos secundarios desas medicinas". Agradece ao doutor Baloira que, a pesar de que non era a súa especialidade, intuíu que outros síntomas que padecía non se debían unicamente á alerxia típica da asma. Deste xeito, outro diagnóstico chegou á súa vida: a síndrome de Churg-Strauss, un trastorno neurolóxico caracterizado pola inflamación dos vasos sanguíneos.
Mabel Falcon (65 anos) é outra das pacientes que compartiu o seu testemuño. Esta venezolana afincada en Cambados lembra sufrir reaccións alérxicas e sensibilidade química desde pequena, "pero detectarme a asma xa foi de adulta, aquí en España, por mor dunha crise importante que me requiriu de hospitalización porque me asfixiaba". Cun diagnóstico de "asma severa, de mal control", converteuse hai quince anos nun dos dez primeiros pacientes que se tratou no Hospital Montecelo con terapia biolóxica "e para min resultou un cambio de noite a día".
Esta mesma experiencia co tratamento biolóxico compártea Mauricio Alonso (65 anos). Este veterinario que traballa en Pontevedra lembra a súa sorpresa ao debutar na enfermidade. "No meu caso foi curioso porque eu non tiña antecedente ningún de asma, presentouse de súpeto e totalmente incapacitante. Eu non era consciente do que supoñía un broncoespasmo continuo, e realmente é angustioso", expón.
Insiste especialmente no factor psicolóxico. "Cando reiteradamente ingresas en Urxencias ou en planta, a túa psique queda tocada; e no teu traballo estás totalmente en tensión ante o máis mínimo síntoma, que se un carraspeo, que se unha tose seca que pode ir a máis...".
Tras anos pasando "por un abanico de tratamentos" que lle deixaron secuelas e "danos colaterais", grazas aos tratamentos biolóxicos, "todo iso desaparece". Recoñece que, aínda que sempre se ten "a mosca detrás da orella" de que poidan volver os síntomas graves, "xa non estou tan alerta, atópome magnificamente e cada vez psicoloxicamente voume tranquilizando".
Coa súa experiencia hospitalaria e coñecendo a realidade sanitaria noutros países da nosa contorna, quixo facer unha alegación a favor da Sanidade Pública. "Eu estou agradecidísimo ao sistema universal de saúde que temos en España, non hai un igual noutro país do mundo para tratamentos crónicos continuos", remata.
Relacionadas:
-
Un equipo pontevedrés lidera un proxecto europeo para tratar feridas crónicas con intelixencia artificial
Por Oskar Viéitez |
-
As novidades na patoloxía respiratoria abordaránse nunha xuntanza en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Preto de mil pacientes son tratados por asma grave na área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
O servizo de Pneumoloxía da área sanitaria xa pode formar médicos internos residentes
Por Redacción |