Empeza a implantación do contedor marrón en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía segue avanzando no modelo de xestión dos residuos orgánicos poñendo en marcha o novo servizo para a recollida urbana da parte orgánica do lixo que se produce nas casas.
Seguindo os requirimentos de sustentabilidade que establece a Unión Europea para a redución dos residuos, este venres ponse en marcha a campaña informativa coa que arranca a implantación do contedor marrón.
Esta acción para dar a coñecer á veciñanza o funcionamento do sistema irá acompañada da instalación do quinto contedor, o destinado á materia orgánica, que se engadirá ás illas onde xa están os restantes depósitos para a recollida separativa dos residuos.
A carpa informativa instalarase nestes primeiros días en diferentes puntos do casco urbano de Vilagarcía, en Vilaxoán e en Carril.
Formadores ambientais serán os encargados de explicar aos cidadáns o funcionamento do novo servizo, incidindo en que tipo de residuos orgánicos se poden botar no contedor marrón.
Os colectores terán apertura electrónica, polo que para poder utilizalos, os usuarios deberán contar coa correspondente tarxeta que poderán obter no mesmo punto informativo. Ademais, as persoas que acudan á carpa recibirán un kit de compostaxe, formado por un tríptico informativo, un cubo de 10 litros de capacidade para acumular nas casas a materia orgánica, e un feixe de bolsas compostables para depositala nos contedores marróns.
A través dun sistema de recollida similar ao dos demais residuos, os restos orgánicos dos contedores marróns recolleranse e se trasladarán á planta de compostaxe de Baión para convertelos en compost. Deste xeito redúcese o custe ambiental e económico que supoñía desfacerse desta parte do lixo mediante a incineración e, a cambio, a través dun proceso totalmente natural, obtense o fertilizante natural co que aboar plantas ou cultivos.
Relacionadas:
-
Confirmada a condena para un home que tentou matar e agrediu á súa parella e retívoa xunto á súa nai
Por Natalia Puga |
-
Sanxenxo revalida o seu liderado nacional con dezasete bandeiras azuis ás súas praias
Por Alejandro Espiño |
-
O porto de Vilagarcía recibe ao Hebridean Sky, primeiro cruceiro da tempada
Por Redacción |
-
"Clanes", a serie que Netflix gravou en Cambados, estrearase o 21 de xuño
Por Alejandro Espiño |